Os menores e as separacións conflitivas
Na meirande parte dos casos de familias
disfuncionais a separación conxugal supón unha melloría no ambiente
relacional dos fillos e fillas ao deixar de presenciar situacións de
conflito nas que as súas principais figuras de apego se amosan odio,
desprezo ou directamente se insultan e pelexan. Porén, hai casos,
xeralmente os máis públicos e comentados, en que a separación agudiza o
conflito, en parte pola posibilidade de dar renda solta a frustracións e
rancores pasados sen a necesidade de convivir con quen os provocou.
Esas separacións conflitivas inclúen en moitos casos unha batalla pola
custodia dos fillos comúns (a palabra define moi ben algúns casos en que
se despregan estratexias e tácticas como se dunha guerra se tratase)
convertendo a mesma en obxectivo principal, ao que en ocasións van
aparellados problemas emocionais, ou noutras, económicos ou de
propiedades.
En xeral os menores teñen unha alta
capacidade de superación do dano, desenvolven defensas e finalmente
adáptanse, preservando a súa estabilidade. Pola contra, se estas
situacións son de particular intensidade ou persisten no tempo poden
xerar un dano que dependerá na súa expresión e alcance da experiencia
vivida, pero tamén da personalidade en formación, que se verá á súa vez
afectada polas vivencias negativas do neno. Nos casos máis dramáticos,
aqueles que conlevaron unha perda de relación cun proxenitor e supuxeron
por tanto un dano, a veces severo, do vínculo con el, pódense presentar
nos rapaces reaccións de tipo anímico que en ocasións chegan a afectar á
súa estabilidade psicolóxica de forma persistente. Durante o conflito e
como consecuencia deste poden presentarse nos fillos conflitos de lealdades respecto
aos proxenitores, que resolven anulando a figura que consideran
responsábel e apoiando aquela que consideran máis necesitada e
apoiándose nela. Nalgúns casos pode aparecer incluso un efecto de parentificación cando os menores asumen o rol de nai ou pai protector respecto do proxenitor que consideran máis necesitado.
No hay comentarios:
Publicar un comentario